domingo, 9 de novembro de 2014

Reivindicando a nosa lingua

Ghalegho é un orixinal vídeo no que os protagonistas son catro mozos que dende Rianxo e Dodro saen en defensa da nosa lingua, en todos os eidos e con todas as súas peculiaridades, seseo e gheada incluídos. 



O IES de Ribadeo fixo outro xenial vídeo, Eu digo, en resposta ao vídeo Ghalegho, no que se facía unha alusión a Ribadeo. Lembraba que de cativa,  nunha excursión a Ribadeo, ríranse dela e dos seus compañeiros pola súa forma de falar.  Eu digo, é un traballo solidario cos de Rianxo que foi coordinado polo profesor Suso López Acevedo. En Eu digo, dúas rapazas ribadenses din: «Non sei quen se burlaría do seseo e da geada. Algún inculto haiche en todos lados. Pero dende logo que nós non o fariamos, porque defendemos as variantes de cada lugar». E a continuación compañeiros, engaden: «Eu digo camiois e pantalois». «E ladrois e cabrois... que tamén hai en todos os lados». «Eu digo camín e padrín». «Eu digo folgueira e mazaeira». «E eu dou chuchos». «E aquí facemos a matanza do cocho, e non do porco, e dicimos pícaros, brosa e sapagueira». «Nós falamos así e seguro que en Vila de Cruces ou Moaña din doutro xeito, pero todo é galego». «Estamos orgullosos do galego», rematan dicindo xuntos.